martes, 1 de mayo de 2007

23 Lisboa-Aveiro-Vigo-Compostela

Así como saímos, pola circular, un avión grande coma un mundo pasa por riba nosa á altura dun edificio de 20 plantas máis ou menos.
O aeroporto. Un último sinal excepcional dos que nos regalou esta cidade e a viaxe. Escribo xa isto dende o Franco, fronte á Alameda de Compostela. Ao me erguer hoxe fun pola rúa do Rosalía e deume aínda a sensación de que seguía de viaxe, mirando con ollos novos para as laxes e os edificios de sempre. Seguro que o que nos dá a viaxe é iso, a actitude constante de viaxar, os ollos novos sobre as mesmas cousas. A Lúa Neghra comparábao todo, tudo, co Ferrol: as rúas da zona máis nova do Porto, os arrabaldes de Lisboa, e coa ponte dos tirantes de Pontevedra. Era coña. Pero xa dicía Cavafis que a cidade permanecía dentro dun, por muito que viaxase, e que sempre se andaban as mesmas rúas. Viñemos do tirón, parando en Aveiro, cos barcos, un aparca-coches que casara en Alacant e tiña alá unha filla... aparca-coches gorrilla, non mordomo (he, he). Moi simpático.
A Lúa Neghra esmigallou o pan reseso portugués do seu bocata fronte aos barcos pintados da Venecia portuguesa. Logo demos unha volta arredor e non topamos os rastros do Zeca. Lendo o libro de seu irmán, hoxe, descubro que é que xa non existen as casas Aveirenses en que morou. Non preguntei por elas. E fixemos ben.
Na ¿fronteira? asáltannos as emisoras espanholas con:
–Aserejé.
–Vixilia pascual.
–Los Piratas.
–...
Todo en español a 15 km do río.
Por fin a Radio Galega. Escachamos co riso coa fonética das presentadoras: español.
Vigo (casiña), cambio de coche e Compostela.

Viaxo agora por Compostela.
O primeiro día que botei en Compostela boteino completamente só (os meus colegas viñan ao día seguinte): andei, fun ao teatro, establecinme. Cando chegou a noite pensei:
–Mi ma, e aínda me quedan unha chea de días así!
Coma se estivese de viaxe.

E de vacacións ;-)

No hay comentarios: